Falece Santiago Rodríguez López, destacado biólogo, escritor e catedrático na Universidade de Bristol

Falece Santiago Rodríguez López, destacado biólogo, escritor e catedrático na Universidade de Bristol

A familia e os amigos de Santiago Rodríguez López teñen a dor de comunicar o pasamento do destacado biólogo, escritor e catedrático na Universidade de Bristol, ocorrido o pasado 19 de marzo, aos 52 anos de idade, despois dunha breve enfermidade. Precisamente, o Concello de Paradela celebrará mañá xoves unha sesión plenaria, na que se levará a cabo a culminación do expediente de nomeamento de Santiago Rodríguez López como Fillo Adoptivo do Concello a título póstumo.

Este nomeamento débese aos méritos contraídos, nos últimos 30 anos especialmente, en todo o seu traballo a prol da cultura no Concello de Paradela en xeral, e no Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López en particular.

Polo profesor e investigador vanse celebrar en Bristol as correspondentes exequias, e despois da cremación, como era o seu desexo e o da súa familia, trasladaranse as cinzas a Paradela para ser soterradas no Panteón de Paradelenses Ilustres, onde está sepultado o seu pai, o escritor Manuel Rodríguez López.

Santiago Rodríguez López, académico

Santiago Rodríguez López (Barcelona, 1971) é fillo de emigrantes (o escritor Manuel Oreste Rodríguez López, de Paradela, e a súa dona Irene López Gómez, de O Páramo), residiu en Barcelona ata os 14 anos, afincándose despois en Lugo, e logo en Compostela (1997 a 2002). No 1997 casou con Mary Otero Rolle, é tiveron ó seu fillo Carlos no 1999. Emigraron finalmente ao Reino Unido, onde Santiago foi profesor nas Universidades de Southampton e Bristol, accedendo recentemente á Cátedra nesta última.

Licenciado en Bioloxía pola USC con Premio Extraordinario, e Doutor en Xenética coa cualificación de Sobresaínte “cum laude”, bolseiro posdoutoral na USC, e logo cunha beca “Marie Curie” da Comunidade Europea na Universidade de Southampton, foi desde 2006 Profesor Titular de Xenética de Poboacións e Xenética Molecular na Facultade de Medicina da Universidade de Bristol, e director dun grupo de investigación desta Universidade. O seu labor de investigación centrouse no estudo da influencia de factores xenéticos en enfermidades multifactoriais humanas.

En Bristol impartía clases de Epidemioloxía Xenética a alumnos da licenciatura de Medicina, sendo supervisor e mentor dunha ducia de alumnos cada ano. Foi profesor de Xenética, un dos directores da Licenciatura de Medicina Xenómica, profesor de alumnos posgraduados e posdoutorais no curso internacional de Epidemioloxía Xenética, e director de numerosas Teses Doutorais. Así mesmo, foi responsable da organización docente e coordinación do módulo “Student Choice” do currículo de Medicina, impartido á promoción enteira de 750 alumnos durante os seus tres primeiros anos de grado. Nos últimos anos, como consecuencia do seu profundo amor pola docencia, Santiago foi redirixindo o seu enfoque universitario máis cara ao ensino e ao apoio persoal directo dos estudantes, especialmente a aqueles con máis dificultades, o que lle reportou unha das máis profundas satisfaccións profesionais.

Escritor e promotor da cultura galega

Outra das maiores fontes de satisfacción para Santiago, neste caso persoal, foi o amor que tivo pola cultura galega, destacando o seu desenvolvemento como membro do xurado no Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López dende a súa creación. A súa devoción pola obra do seu pai, falecido en 1995, e por Paradela, terra paterna que lle está a acoller oficialmente como Fillo Adoptivo, motivou unha entrañable actividade cultural ao longo da súa vida, incluíndo colaboracións con diferentes figuras culturais galegas, moitas delas en forma de homenaxe, motivadas polo seu profundo sentido da amizade e lealdade. En 2018 inicia a súa propia traxectoria como autor literario, publicando na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital catro obras arredor da vida e obra do seu pai, así como tres relatos orixinais. Ademais son premiados tres escritos seus no Certame Xornalístico «Begonte e o Nadal».

O que máis profunda satisfacción lle reportou foi a súa condición de fillo, irmán, esposo e pai. As anheladas vacacións en Galicia lle daban a oportunidade de compartir prezado tempo coa súa querida nai Irene e seu irmán Enrique, e con tantos outros amigos e familiares. Foi un devoto marido e pai agarimoso e exemplar, e a súa ausencia deixa un oco inconsolable na vida dos que o amaron. DEP.

O Orfeón Lucense quere transmitir o seu máis sentido pésame á familia de Santiago Rodríguez: á súa esposa, súa nai, seu irmán, e seu fillo Carlos, músico e musicólogo, membro do Orfeón Lucense que participa en todas as actividades durante as súas estancias en España.